O Concello de Vimianzo revisará os pregos de contratación da renovación do alumeado público

Pleno marzo_Ayuntamiento de Vimianzo

  • Adiante Vimianzo presentara un recurso contra este proceso, e o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia deulle a razón

O Concello de Vimianzo valorará novamente os criterios de contratación para a renovación do alumeado público despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) estimase un dos catro recursos presentados por Manuel Antelo, líder de Adiante Vimianzo.

No pleno celebrado o pasado venres, 26 de marzo, Adiante Vimianzo presentara unha enmenda na que cuestionaba os criterios de contratación deste proxecto. A pesar de que o Goberno local dera as súas explicacións, o Tacgal considera que estes criterios non están xustificados no expediente.

A formación liderada por Antelo tamén criticaba que a valoración da parte técnica da licitación fose realizada por asesores externos, algo que o Tribunal non considera como unha vulneración da norma contractual. Do mesmo xeito, a Xustiza rexeita a crítica relativa ao sistema de puntuación, ante a «carencia absoluta de fundamentación» por parte do señor Manuel Antelo.

«Tanto o proxecto como os seus pregos contan cos informes favorables de secretaría e intervención», sinala a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen ademais destacou que non se «variarán os criterios de valoración, nin a mesa de contratación, posto que están admitidos e aceptados polo Tacgal».

O Concello de Vimianzo convocará un pleno extraordinario para aclarar esta situación, o que «xerará un sobrecusto ás arcas municipais grazas ao capricho de Adiante Vimianzo co fin de boicotear o traballo do executivo municipal» sinalan desde a Alcaldía.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha