- A administración local e a empresa acordaron rescindir o contrato de mutuo acordo, pero o servizo continuará ata unha nova adxudicación
O Concello de Vimianzo asegura que o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) seguirá vixente ata unha nova adxudicación despois de que tanto a administración local como a empresa que realiza o SAF acordaran de mutuo acordo rescindir o contrato.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, lamenta ‘a inquedanza que todo este proceso puidese provocar tanto nas persoas usuarias como ás súas familias’ e quere transmitirlles unha mensaxe de tranquilidade, pois o servizo seguirá adiante con total normalidade.
Por outra banda, a rexedora fixo fincapé ‘na oposición destrutiva’ por parte do grupo municipal Adiante Vimianzo ‘que nun servizo indispensable como o SAF, xogou con números falsos para facer política da máis baixa’. Desde o Concello sinalan que a licitación do SAF, de man do goberno anterior, foi por un número de horas inferior ao que se precisaba. Concretamente, fíxose por 2.900 horas e había unha necesidade de 4.500.
Cabe destacar que o goberno local non é a entidade encargada de reducir nin ampliar horas, senón que é a Xunta de Galicia a que ten competencia nese aspecto.