Ata o vindeiro 30 de novembro está aberto o prazo de solicitude das Bolsas de Estudo para o curso 2021-2022 para as que o Concello de Zas destina un total de 29.100 euros. Esta é unha iniciativa posta en marcha polo equipo de Goberno Municipal hai máis de dez anos e que ten como finalidade a integración socio-laboral das familias con menos recursos económicos do municipio.
Para acceder ás axudas son requisitos indispensables estar empadroado/a no Concello de Zas e escolizado/a en calquera dos seguintes cursos:
-Ensinanza primaria
-ESO, FP Básica, Bacharelato e ciclos formativos (medios e superiores)
-Estudos universitarios (agás másters e estudos de posgrao)
As bolsas adxudicaranse en función dunha serie de baremos; tales como a situación económica-familiar, o número de membros que integran a unidade familiar e os méritos académicos do alumno/a. O crédito repartirase en 180 bolsas e o importe das mesmas pode ir dende os 120€ ata os 360€ en función dos estudos que se realicen.
Presentación das solicitudes
As solicitudes poderán realizarse ata o vindeiro 30 de novembro e tramitaranse preferiblemente a través da Sede Electrónica do Concello de Zas (https://sede.concellodezas.org). No caso de non poder facelo por esta vía é necesario acudir ao Concello de Zas pedindo cita previa no número de teléfono 981 70 83 03.