O Concello de Zas aproba a RPT e impulsa a remodelación da Praza do Campo

O Concello de Zas aprobou este luns, nun pleno extraordinario, a Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal municipal, un documento clave para a ordenación, planificación e racionalización dos recursos humanos da administración local.

A RPT é o resultado dun proceso de negociación sindical no que participou Comisiones Obreras, no marco dun diálogo aberto ao conxunto das organizacións sindicais con representación, que foron formalmente convidadas a tomar parte nas negociacións. Este proceso permitiu avanzar cara a un modelo organizativo máis moderno, adaptado ás necesidades actuais do Concello e aos retos de futuro da administración local.

A aprobación deste instrumento supón a actualización e redefinición das funcións dos distintos postos de traballo, adecuándoos á realidade normativa, organizativa e funcional da entidade local, así como a creación de novos postos que permitirán reforzar e mellorar a prestación dos servizos públicos á veciñanza.

Con esta decisión, o Concello de Zas sitúase na liña doutros concellos que xa contan cunha Relación de Postos de Traballo actualizada, dando un paso decisivo cara a unha xestión máis eficiente, transparente e profesionalizada do persoal municipal, consolidando unha estrutura administrativa acorde cos principios de estabilidade, equidade e calidade no emprego público.

Renovación da Praza do Campo a través do POS+ Adicional

Do mesmo xeito, o Concello de Zas aprobou tamén a súa participación no POS+ Adicional da Deputación Provincial da Coruña, co obxectivo de levar a cabo un importante investimento nun espazo público central do municipio.

En concreto, a corporación municipal acordou solicitar a aplicación da achega provincial asignada ao financiamento do proxecto de renovación e mellora da accesibilidade da Praza do Campo, en Zas, cun orzamento total de 685.223,39 euros, que inclúe tamén a correspondente achega municipal e a colaboración da Xunta de Galicia.

Trátase dun investimento financeiramente sostible que permitirá modernizar este espazo emblemático, mellorando a súa accesibilidade, funcionalidade e adaptación ás necesidades da veciñanza. A actuación contribuirá a facer da Praza do Campo un lugar máis cómodo, seguro e inclusivo, favorecendo o uso público.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, explicou que “con estas decisións seguimos a traballar nun dobre eixe fundamental: por unha banda, dotar ao Concello dunha estrutura de persoal moderna e ben organizada, e por outra, impulsar investimentos estratéxicos que melloren os espazos públicos e a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Related posts

Detectada dunha vertedura ilegal de lixo nunha pista forestal da parroquia de Soandres, na Laracha

Carballo e Coristanco repiten modelo de colaboración coa solicitude do segundo Obradoiro Lubiáns

O CCA Carballo habilita novas prazas para a I peKecrossfit para dar resposta á demanda existente