O Concello de Zas aproba o maior orzamento da súa historia que ascende a 5,35 M€

2 minutes read

A Corporación Municipal do Concello de Zas aprobou este mércores o orzamento para o 2022, o maior da súa historia, nun Pleno Extraordinario que comezou cun minuto de silencio en sinal de repulsa polas agresións machistas.

O equipo de Goberno do BNG, encabezado por Manuel Muíño Espasandín, contará para este 2022 con 5.353.880,06€. “A situación derivada da COVID19 fixo que estivéramos dous anos cuns orzamentos subrrogados e hoxe presentamos aquí un presuposto expansivo para o presente ano que se pode sacar adiante grazas ao bo estado económico das arcas municipiais”, manifestou o Alcalde de Zas. No orzamento para o 2022 contémplanse actuacións importantes para a veciñanza tales como as reformas nos Centros de Saúde de Zas e de Baio así como a ampliación da Escola Infantil. Coincide que calquera destes tres edificios públicos son de titularidade da Xunta de Galicia e que “se mellorarán con fondos municipais coa axuda da Xunta cando o normal é que fose ao revés”, sinalou Muíño. As políticas sociais tamén ocupan un lugar destacado nestes orzamentos e o Concello de Zas destinará máis de 876.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar.

Nos orzamentos para o 2022 hai un lixeiro descenso no gasto de persoal, correspondente ao capítulo 1, e que representa o 18,7% do presuposto. Ao capítulo 2, relativo aos gastos correntes de bens e servizos, destínanse 3.002.868,40€, que supón algo máis do 56% dos orzamentos. Nesta partida contémplanse gastos derivados da xestión do lixo, o alumeado público, o mantemento das instalacións públicas, entre outros.

Cabe destacar tamén o capítulo 6, relativo aos investimentos reais, que representa o 22,30% dos orzamentos e que se traduce en 1.194.035,00€. A esta cifra haberá que sumarlle 1.392.443€ que proveñen de proxectos do ano anterior que, nalgúns casos, están sen executar así como os 513.647,80€ procedentes do POS da Deputación da Coruña. Con estas cifras, o capítulo de inversións reais suma 2.586.478€ e representa o 48% dos orzamentos para o 2022.