Serán, en concreto 126.636 euros os que o Goberno local empregará nas obras pertinentes, a cuxo orzamento hai que engadir 3.288 euros procedentes da Deputación da Coruña.
A entidade provincial achegará un total de 701.152 euros ao desenvolvemento de proxectos na contorna de Zas que non estaban inicialmente incluídos no Plan Complementario ao POS+ 2026 e que foron aprobados por unanimidade.
Máis da metade dese orzamento (389.976 euros) irá destinado á rehabilitación do aglomerado da estrada que conecta A Piolla con Brandomil, así como varios tramos de acceso a núcleos do Concello.
Outra gran proporción desta partida (158.896 euros) usarase para os regos asfálticos en Mira, Muíño, Lamas e Baio. Tamén recibirán investimento da Deputación coruñesa os ensaches das estradas que conectan Lamas e Vilachán (76.839 euros) e Romelle e As Edreiras (72.153 euros).
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destaca “o compromiso do Concello coa mellora das conexións entre os diferentes núcleos de poboación que o conforman e coa comodidade e a seguridade tanto das persoas que se desprazan en calquera vehículo como dos viandantes”, ao tempo que agradece “a colaboración da Deputación da Coruña no desenvolvemento de proxectos moi necesarios e demandados pola veciñanza”.
