O Concello de Zas deu un novo paso decisivo cara á creación do seu Parque Científico e Tecnolóxico

3 minutes read

Tratarase do primeiro impulsado integramente por un concello na provincia da Coruña e o primeiro de carácter municipal en toda Galicia. A iniciativa situará ao municipio como referente de innovación no norte da comunidade, ao non existir unha infraestrutura similar en toda a provincia.

Con motivo deste proxecto, no que colabora a Universidade da Coruña, este martes celebrouse unha rolda de prensa na Casa do Concello coa presenza do alcalde, Manuel Muíño, para recibir ao director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez; ao director xerente da Fundación Universidade da Coruña, Juan José Gómez; e ao director adxunto da mesma entidade, Braulio Pérez. Previamente, o representante de Emalcsa asinou no Libro de Honra do Concello como fixeron no seu día o resto das autoridades participantes.

Na rolda de prensa, Muíño explicou que xa existen contactos con empresas interesadas en instalarse no novo parque, procedentes dos sectores eólico, agrogandeiro ou tecnolóxico: “Estes primeiros pasos son fundamentais para definir un parque útil, adaptado ás necesidades reais do tecido produtivo”, afirmou.

Pola súa banda, Ricardo Vázquez (Emalcsa), explicou que esta é unha primeira toma de contacto para colaborar, destacando que “o proxecto de Zas ofrece un contorno moi interesante para desenvolver novas liñas de I+D en sistemas de abastecemento e tecnoloxías transversais”.

Desde a UDC, Juan José Gómez subliñou que se trata dunha “iniciativa pioneira, con pasos firmes e un avance notable que pronto dará resultados visibles”, mentres que Braulio Pérez anunciou que se impulsarán “accións no territorio que faciliten sinerxias co tecido local”.

Unha vez finalizada a rolda de prensa, os participantes desprazáronse á zona onde se construirá o Parque Empresarial Tecnolóxico Costa da Morte, para coñecer in situ a superficie.

Planificación urbanística en marcha e financiamento municipal

O Concello destacou tamén a adxudicación da redacción do Plan Parcial á empresa Alfonso Botana S.L., cun investimento de 100.000 euros e un prazo máximo de execución de 12 meses, sen incluír os prazos sectoriais.

O proxecto estará financiado integramente polo Concello, incluída a adquisición dos terreos mediante expropiación municipal. “En Galicia somos o único concello que vai facer un parque destas características. É unha aposta clara por un modelo de desenvolvemento sostible e innovador”, destacou o alcalde.

O parque localizarase na parroquia de Lamas, nunha superficie próxima aos 400.000 m², entre a estrada Baio–Zas e o río Grande, xunto ao polígono do Allo e preto do futuro polígono privado de Os Muíños. O deseño combinará zonas de investigación, espazos para novas empresas e áreas verdes integradas nun entorno natural.

Conversas coa Asociación de Empresarios da Comarca de Soneira

Durante o acto, o alcalde confirmou que se está a conversar coa Asociación de Empresarios da Comarca de Soneira para a cesión dun espazo que permita crear unhas oficinas provisionais do parque.

Estas oficinas servirán como un viveiro de empresas e será o lugar onde se irán planificando os diferentes espazos do futuro parque, así como o deseño do edificio central, concibido como un espazo emblemático para investigación, innovación, emprendemento e colaboración entre institucións e empresas.