O Concello de Zas lamenta a falta de resposta da Consellería de Educación ás necesidades dos centros educativos do municipio

2 minutes read

O Concello de Zas quere aclarar a situación actual respecto ás actuacións necesarias no CEIP Labarta Pose e no CPI de Zas, e lamenta a falta de resposta da Consellería de Educación ante as reiteradas peticións de reunión formuladas polo alcalde, Manuel Muíño, durante os últimos meses.

Tras as declaracións realizadas no Parlamento polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nas que se indica que a rehabilitación do CEIP Labarta Pose está en fase de redacción e pendente de completar o expediente administrativo-arquitectónico antes da súa licitación, o Concello subliña que este suposto proxecto leva xa máis de dous anos en fase de redacción. Despois de todo este tempo, a día de hoxe, non existe nin sequera una data concreta de finalización dese suposto proxecto e obviamente non existe ningún investimento efectivo comprometido nin calendario concreto de execución, nin para o Labarta Pose nin para o CEIP de Zas.

“O que precisamos son compromisos firmes, prazos e orzamentos reais. Mentres iso non exista, non podemos falar de investimentos efectivos”, sinala o alcalde, Manuel Muíño.

En relación coas referencias ao mantemento dos centros de Infantil e Primaria por parte do conselleiro, desde o Concello informáselle que as actuacións estruturais necesarias, como a renovación de cubertas, fachadas ou carpinterías, responden ao desgaste acumulado polo paso do tempo e requiren investimentos de maior entidade que exceden o mantemento ordinario.

Lembrámoslle ó conselleiro que en edificios de máis de 50 anos que nunca foron obxecto de ningún arranxo non se pode manter case nada, hai que cambiar todo porque todas as construcións e materiais teñen una vida útil. Para mostra, achegamos varias fotografías onde se pode ver o estado dalgúns canlóns e fiestras do CPI de Zas de máis de 30 anos, así como as uralitas de máis de 50 anos que teñen amianto do comedor do Labarta Pose.