O Concello denuncia a improvisación da Xunta no inicio do curso

1 minutes read

O Concello da Coruña denuncia a improvisación da Xunta no inicio do curso, o que dificulta a conciliación das familias, e a falta de planificación e de medidas que garantan a seguridade do persoal docente e do alumnado. Lembra que a pesar de non ter competencias en materia educativa está a traballar cos centros na organización das entradas e saídas dos colexios, executando obras para habilitar máis accesos e cedendo espazos públicos para garantir as distancias esixidas pola administración autonómica.

O Concello lembra que a Xunta recibiu fondos do Estado para cubrir os gastos educativos derivados da COVID e pídelle á Xunta que axude a financiar, por exemplo, as desinfeccións que están obrigados a realizaren os propios centros educativos. Neste senso, solicitoulle á Delegación Territorial da Consellería de Educación unha limpeza complementaria dos centros escolares en función do que dita o protocolo e atendendo ás demandas da Asociación de Directores dos CEIPs.