Trátase dun tramo da estrada provincial DP-2404 ao seu paso pola parroquia de Montemaior. A actuación, consistente na reparación de baches e a renovación do pavimento en varios puntos da vía que suman unha distancia total duns dous quilómetros, levouse a cabo empregando gravilla. Desde o Concello afirman que ese material é inadecuado para unha intervención desas características considerando as condicións, amplitude e tráfico que soporta a estrada tanto de turismos como de vehículos pesados.
Esta circunstancia xa provocou queixas por parte da veciñanza, trasladando ao Concello o malestar cidadán -en especial, de persoas residentes nos núcleos de Sabaceda, O Lorteiro, A Fieira, Zanfoga e A Lagarteira- os problemas de seguridade que están a supoñer as actuais condicións da calzada a peóns e vehículos pola menor adherencia á calzada que pode provocar saídas de vía, o levantamento de po que reduce a visibilidade e os danos do impacto da gravilla que xa se rexistraron sobre as carrocerías e as lunas dos coches.
Desde o Concello conclúen lamentando profundamente que a Deputación da Coruña optase por unha intervención de insuficiente calidade cuxo resultado, en lugar de mellorar o pavimento, supón agravar os problemas de seguridade nesta vía vertebradora das comunicacións rodadas no termo municipal ao enlazar A Laracha con A Silva e, a continuación, con Ordes e Santiago de Compostela.