O Concello e a hostalería de Vimianzo reúnense para planificar novas axudas ao sector

Imaxe de arquivo dunha reunión entre o Concello de Vimianzo e o sector da hostalería e comercio

  • Unha das ideas expostas foi a redacción das bases que ditaminarían os criterios das axudas

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, mantivo este mércores unha xuntanza con diversos representantes da hostalaría local para concibir e planificar unha nova liña de axudas a expensas “do que poida acontecer”, asegura a rexedora.

Rodríguez considera que o mellor escenario posible sería aquel no que se coordinasen as diferentes administracións para que, porcentualmente, “poidamos cada un achegar as axudas en función das nosas capacidades”. Iso si, desde o goberno local non queren agardar máis tempo e ven urxente artellar unha batería de medidas para paliar os efectos da crise económica nun dos sectores máis castigados, como o é a hostalaría, aínda que tamén se “están a estudar outras dirixidas a máis sectores económicos do municipio”, sinalan desde o consistorio.

Así, o primeiro motivo da organización desta xuntanza, á que tamén acudiu a concelleira María José Pose, foi escoitar as demandas e preocupacións da hostalaría vimiancesa. Enriba da mesa está a posibilidade de redactar unhas bases que ditaminen os criterios das axudas “e que se poidan tramitar do xeito máis sinxelo posible”, admitían desde a hostalaría. Outra das ideas expostas foi a constitución dunha Asociación da Hostalaría de Vimianzo.

No relativo ás terrazas, a vontade do Concello é “consensuar un modelo concreto, amparado pola conseguinte viabilidade técnica e atendendo aos criterios que nos achegan os propietarios, para poder levalo a cabo de forma unánime”, destaca a alcaldesa.

“Levamos moito tempo pechados e debemos ser cautas e cautos”, sinalan desde a executiva con respecto ás axudas que se destinarían ao sector da hostalería, o sector que máis tempo leva sen facturar na localidade, xa que para o Concello suporía un “esforzo orzamentario importante”. Ademais, dentro das prioridades do goberno local atópanse o resto de comercios, polo que a alcaldesa envía unha mensaxe de ánimo e de vontade de traballo por levantar a economía do municipio.