O Concello e a Xunta abordan diferentes investimentos para Muxía


O alcalde de Muxía, Iago Toba, reuniuse co delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, para tratar diferentes asuntos de interese para o municipio, entre os que destacan a problemática dos secadeiros de congro e outros investimentos que ten pendentes o organismo autonómico.

Por unha banda, o rexedor e o delegado puxeron sobre a mesa a mellora de infraestruturas en Muxía e a participación económica, por parte da Xunta, en diferentes obras que suporán un gran investimento, co obxectivo de que a administración autonómica colabore na súa cofinanciación.

No encontro entre ambos tamén abordaron as posibles alternativas que pode haber para dar unha solución á problemática dos secadeiros de congro, tanto para darlle unha saída ás familias como para lograr unha boa conservación de todo o que rodea a este sector.

“Foi unha reunión moi produtiva, retomamos temas que xa tratara coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, coa que houbera entendemento e boa sintonía nesa primeira toma de contacto”, explicou Toba, que valorou que “desde que ambos, o delegado e máis eu, tomamos posesión do cargo, o trato e a fluidez de comunicación é excelente, desexo que se manteña pois redunda nun claro beneficio para a veciñanza muxiá”, afirmou o rexedor.

Arranxo de varios tramos de estradas

Por outra banda, Iago Toba chegou a un acordo co xerente de Estradas de Galicia, Fernando de la Vega, para executar o arranxo de varias conexións de tramo entre carreteiras antigas coa estrada xeral, como é o caso da baixada de Moraime e do cruce ás Fragas (Os Muíños), dando continuidade ao inicio das obras de renovación do firme neste último punto que se acometerá a próxima semana.

“Aproveitei a reunión co delegado para comunicarlle o meu agradecemento pola atención que se nos deu no departamento de Estradas e emplaceino a que programe uha visita a Muxía para ver presencialmente as necesidades que temos para acometer”, subliñou o rexedor.