O Concello está a realizar diversas actuacións na rede de saneamento

1 minutes read

A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade está a realizar diversas actuacións na rede de saneamento da cidade co obxectivo de levar a cabo un mantemento óptimo nesta infraestrutura urbana fundamental para a correcta condución das augas residuais e o seu correspondente tratamento. Na rúa Venecia, as obras de saneamento separativo contan cun orzamento municipal de 211.000 euros e está previsto que se rematen a mediados de setembro.

Pola súa banda, a concellería tamén realiza labores de mantemento na rede de saneamento pola rotura de colectores nas rúas Alexander Von Humboldt, Xeneral Rubín e San Pedro de Mezonzo. Nas dúas últimas actuacións os traballos de mantemento nos saneamentos van moi avanzados e se prevé que rematen en dúas semanas.

Segundo o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, «o compromiso da nosa alcaldesa, Inés Rey, para ter cuberto o mantemento desta infraestrutura na cidade é firme», e asegura que «o Goberno local executa actuacións na rede de saneamento de todos os barrios de forma constante e desde o comezo do mandato».

Desde Infraestruturas sinalan que proximamente acometerán traballos de mellora no saneamento da zona da Agra do Foxo, en Eirís.