O Concello estuda a reestruturación do SAD para mellorar a súa eficiencia


A concelleira de Benestar Social da Coruña, Yoya Neira, anunciou que están traballando nos pregos dun novo SAD (Servizo de Axuda a Domicilio) máis estruturado co fin de darlle unha atención máis eficiente á cidadanía que o demande. A edila asegurou que é un tipo de asistencia tremendamente complexa pero que desde o Concello tratarán de ordenar e facela máis acorde coas necesidades actuais. Neira explicou que mentres que a súa concellería está traballando para solucionar os problemas estruturais do servizo, a Xunta non asume as súas responsabilidades como Administración con plenas competencias na Área de Dependencia, “chegando incluso a suprimir o servizo de emerxencia posto en marcha para paliar as situacións derivadas da crise da Covid”.