O Concello fai balance do programa de reactivación económica local «Sempre Carballo»

2 minutes read
  • Foron realizadas 22.618 compras, que chegaron ao 95,4% dos negocios adheridos.

Este balance faise en base aos datos facilitados por Abanca, a entidade bancaria que se encargou da xestión e o reparto das tarxetas entre a veciñanza, indican que esta experiencia pioneira, que serviu como modelo a outros concellos galegos, foi un éxito, xa que, ademais de acadar os resultados previstos, a iniciativa obtivo unha excelente valoración por parte tanto das empresas coma da cidadanía.

Unha das características do programa “Sempre Carballo” foi o criterio de universalidade social local, xa que os bonos puxéronse a disposición de todas as persoas maiores de idade. O Concello de Carballo concedeu subvencións de 30 euros a un total de 18.045 carballeses e carballesas, o que supón un importe total de 541.350 euros que contribuíron a fomentar a economía circular, porque só foron válidos no concello, e a reactivar a economía en plena crise da COVID-19, xa que só puideron gastarse nas empresas afectadas polo estado de alarma que quixeron adherirse ao programa: un total de 262 dos sectores máis variados.

Durante o período establecido para utilizar as tarxetas realizáronse con elas 22.618 operacións de compra por un importe total de 525.902 euros. “Estamos seguros de que esa cantidade duplicouse ou triplicouse, pero o máis importante, dende o noso punto de vista, non é tanto ese importante movemento económico nunha época concreta, senón o feito de que o comercio e as empresas locais poidan fidelizar a súa clientela e captar á poboación máis nova converténdose nunha alternativa ás grandes superficies e á venda online”, destaca o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

As subvencións concedidas polo Concello de Carballo beneficiaron de maneira directa ao 95,4% dos establecementos adheridos, algúns dos cales superaron as 1.000 transaccións coas tarxetas. Ademais, as tarxetas chegaron a todos os sectores participantes agás o do ocio nocturno, dobremente prexudicado porque durante as datas de desenvolvemento do programa estivo pechado por mor da crise sanitaria e así continúa.

Desde o Concello afirman que lles gustaría poder atender a demanda social xeneralizada dunha segunda edición, posto que son plenamente conscientes de que a situación sanitaria actual obrigará a que todas as Administracións realicen un esforzo extra para axudar aos distintos sectores económicos afectados pola crise da COVID-19, nestes momentos no Concello de Carballo están á espera de que se concreten as medidas conxuntas nas que están traballando a Xunta, a Deputación e a Fegamp cos sectores empresarial e turístico para articular as medidas e as axudas que, sen dúbida, precisarán. “Se nas xuntanzas celebradas non se puido conseguir un modelo único, cando menos é urxente que as propostas que se articulen sexan áxiles para responder á dramática situación do sector”, manifestou Xosé Regueira, que asistiu en calidade de vicepresidente da Deputación da Coruña.