O Concello levará á XGL a aprobación do convenio da Estación Intermodal


O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, asegurou que o Concello da Coruña xa dispón do informe favorable para formalizar o convenio da Estación Intermodal, e que xa estaría en disposición de levalo á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación.

Juan Díaz Villoslada mantivo este martes unha reunión a tres bandas coa Xunta de Galicia e ADIF para abordar o convenio de construción da Estación Intermodal, que concentrará o servizo de autobús interurbano e o ferroviario. O edil asegurou “a Estación Intermodal é unha infraestrutura prioritaria no modelo de cidade que ten o Goberno municipal liderado pola nosa alcaldesa, Inés Rey”.

Villoslada sinalou que o convenio para facer real esta construción, que supón un investimento de 80 millóns de euros entre as tres partes, “está ratificado” e que “agora toca agardar a que cada administración dea os seus pasos” e, apuntou, “desde o Concello da Coruña temos todo o interese en que se axilice o máximo posible a formalización deste convenio”.