A alcaldesa, Inés Rey, e o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, informaron este xoves na Xunta de Voceiros de todas as novas con respecto á situación de emerxencia polo Covid-19, que estes días teñen como escenario a habilitación por parte do Sergas dun hospital de campaña en ExpoCoruña.
A rexedora púxose ao dispor da Xunta para axudar e colaborar na posta en marcha desta infraestrutura como un novo punto asistencial ás persoas enfermas e recibiu o apoio do resto de representantes das forzas políticas, ás que informou de todo canto se está a facer para que o CHUAC teña un apéndice nestas instalacións municipais.
Rey agradeceu o clima construtivo destas reunións, que pasarán a desenvolverse os martes, de acordo co que decidiron o conxunto de edís. Ademais, os responsables do Goberno local recolleron, como vén sendo habitual, as propostas das e dos voceiros, co fin de mellorar a cobertura que o concello lle está a dar á cidadanía nesta crise.