- O Concello financiará as actuacións con fondos propios debido á “necesidade de realizar a acometida o antes posible”
O Concello de Cabana iniciou os traballos de reparación da ruta do Rego dos Muíños tras os estragos causados pola borrasca Karim a finais do mes de febreiro. Esta semana as actuacións consistiron na limpeza das marxes, na reparación do pavimento en varios tramos e no desatranco de varios regatos.
Trátase dun arranxo parcial que se financiará con fondos propios pola “necesidade de realizar a acometida o antes posible”, sinalan desde o goberno local, e ante a inexistencia de axudas públicas para este tipo de arranxos “a pesar de ser anunciadas nunha reunión que mantivo a subdelegada do Goberno na Coruña con varios concellos da Costa da Morte”.
A ruta do Rego dos Muíños é un traxecto de algo menos de tres quilómetros que forma parte do Camiño dos Faros. A súa conservación e posta en valor é fundamental nos plans de promoción etnográfica e paisaxística de Cabana, polo que “a reparación de calquera dano na súa contorna resulta fundamental”.
No pleno ordinario que se celebrará a vindeira semana debaterase incluír o proxecto de arranxo íntegro da ruta nos plans complementarios da Deputación da Coruña.