Cabana repara os danos causados no Rego dos Muíños pola borrasca Karim

1 minutes read
  • O Concello financiará as actuacións con fondos propios debido á «necesidade de realizar a acometida o antes posible»

O Concello de Cabana iniciou os traballos de reparación da ruta do Rego dos Muíños tras os estragos causados pola borrasca Karim a finais do mes de febreiro. Esta semana as actuacións consistiron na limpeza das marxes, na reparación do pavimento en varios tramos e no desatranco de varios regatos.

Trátase dun arranxo parcial que se financiará con fondos propios pola «necesidade de realizar a acometida o antes posible», sinalan desde o goberno local, e ante a inexistencia de axudas públicas para este tipo de arranxos «a pesar de ser anunciadas nunha reunión que mantivo a subdelegada do Goberno na Coruña con varios concellos da Costa da Morte».

A ruta do Rego dos Muíños é un traxecto de algo menos de tres quilómetros que forma parte do Camiño dos Faros. A súa conservación e posta en valor é fundamental nos plans de promoción etnográfica e paisaxística de Cabana, polo que «a reparación de calquera dano na súa contorna resulta fundamental».

No pleno ordinario que se celebrará a vindeira semana debaterase incluír o proxecto de arranxo íntegro da ruta nos plans complementarios da Deputación da Coruña.