O Concello da Laracha solicita a Correos a cobertura de todas as prazas de carteiro na oficina local


O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, solicitou formalmente á Xefatura do sector da rede de oficinas de Correos en Galicia que se cubran a totalidade das nove prazas de carteiros para realizar o reparto no termo municipal larachés.

Esta solicitude preséntase ao recibir reclamacións da veciñanza referidas á perda de calidade do servizo, dado que tanto a correspondencia como a paquetería se están a entregar con retrasos. Esta circunstancia é especialmente grave cando se trata do envío de notificacións oficiais e de citas médicas polas consecuencias que pode supoñer para os seus destinatarios.

A oficina técnica de Correos da Laracha conta con nove seccións, que por norma xeral son cubertas unicamente por catro ou cinco carteiros. A non cobertura desde hai máis de un ano da praza correspondente á sección urbana municipal pon de manifesto a importancia deste problema.