O concurso Compostela Lírica busca novos talentos vocais

santiagodecompostela.gal

  • O gañador do concurso recibirá 3.000 euros e un recital remunerado no Teatro Principal

O Teatro Principal acollerá o sábado 7 (17:00 h) e o domingo 8 de decembro (19:00 h) o II Concurso de Canto Compostela Lírica, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago e co apoio económico da Fundación José Otero-Carmela Martínez. A entrada a este certame de novos talentos é libre.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, destacou que ” igual que nesa primeira edición, seguro que este sábado e domingo poderemos desfrutar de voces que moi pronto serán referentes no mundo da lírica”.

Acompañaron a Mercedes Rosón na rolda de prensa Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia; Jesús Couceiro, presidente da Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela; e José María Miranda, secretario da Asociación.

Eliminatoria e final
O II Concurso de Canto Compostela Lírica ten como destinatarios a novos talentos do mundo da lírica (de 18 a 35 anos). Está reservado exclusivamente ao xénero da ópera, na modalidade de voz solista de calquera tesitura vocal.

Despois dun período de inscrición rematado o 31 de outubro, o xurado escolleu 27 participantes (20 mulleres e 7 homes), que concursarán na primeira fase eliminatoria do sábado, a partir das 17:00 horas. O gañador do certame recibirá como premio 3.000 euros e un recital remunerado no Teatro Principal, mentres que o galardón para o segundo clasificado será de 1.000 euros e un recital remunerado. Hai tamén unha novidade, o Premio “Andrés Gaos” ao mellor cantante galego, recompensado cunha actuación remunerada. Optarán a este galardón as cinco cantantes galegas clasificadas.