O concurso de comparsas e carrozas de Carballo repartirá 8.000 euros en premios

1 minutes read
  • O prazo de inscrición estará aberto desde o 6 ata o 19 febreiro

Do 6 ao 19 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición para o Concurso de Disfraces, Carrozas e Comparsas de Entroido, aínda que as persoas que participen nas categorías individual, parellas e grupos poderán anotarse ata o mesmo día do certame, que se celebrará o domingo 23, e no cal se repartirán case 8.000 euros en premios.

A actividade máis emblemática do Entroido carballés arrincará ás 18.00 horas do día 23 cun desfile pola zona da Praza do Concello, onde se celebrará o concurso. Tanto comparsas (mínimo de 8 compoñentes na modalidade infantil e de 10 na de adultos) coma carrozas (mínimo de 15 compoñentes con vehículo) deberán formalizar a inscrición no Rexistro Xeral do Concello de Carballo ou, preferentemente, no Rexistro Auxiliar do Pazo da Cultura, en horario de 11:00 a 13:30. Para os 20 primeiros inscritos en calquera das dúas categorías, sempre que reúnan unhas condicións mínimas de calidade, haberá gratificacións que van dende os 125 ata os 250 euros.

Ao remate do desfile celebrarase o tradicional baile de disfraces organizado pola Concellaría de Terceira Idade, que estará amenizado pola orquestra Trébol e durante o cal se procederá á entrega de premios do concurso.