O Concello presenta o programa municipal de Entroido no que terá un especial protagonismo o Concurso de Disfraces, neste ano con dúas novidades destacadas: a contía dos premios, que se incrementan ata un total que podería superar os 5.000 euros, e o lugar de celebración do desfile, que se trasladará ata a Praza Les Sables d´Olonne da Laracha.
O tradicional certame celebrarase o martes 17 de febreiro a partir das 18:30 horas, no descanso da verbena que comezará ás 17:00 h e estará amenizada pola orquestra Fania Blanco Show.
As inscricións para participar no concurso abriranse o próximo luns 2 de febreiro e poderanse formalizar ata a véspera do concurso, o día 16, ás 12:00 h tanto en liña como presencialmente na Casa da Cultura.
O Concurso de Disfraces de Entroido está aberto a todas as idades e inclúe as seguintes categorías:
- Individual infantil (ata 12 anos)
- Individual adulto (a partir de 13 anos)
- Parellas
- Grupos (de 3 a 8 compoñentes)
- Comparsas (máis de 8 compoñentes)
O reparto de premios poderá acadar os 5.000 euros, destacando o primeiro premio da categoría de comparsas (máis de 8 compoñentes), dotado con 1.000 euros, 600 euros para a segunda clasificada e 500 para a terceira. Ademais, as bases establecen a posibilidade de ata 10 accésits de 200 euros para o resto das comparsas participantes que sexan merecedoras de recoñecemento pola súa calidade, creatividade ou posta en escena. Os premios para os grupos (de 3 a 8 compoñentes) serán de 350, 300 e 250 euros. As parellas repartiranse tres premios de 90, 80 e 70 euros. E os participantes a título individual terán incentivos económicos de 75, 60 e 50 euros tanto para os de categoría infantil (ata 12 anos) como adultos (maiores de 12 anos).
Ademais, o programa municipal de Entroido inclúe outras propostas pensadas especialmente para o público infantil e familiar. O domingo 15, entre as 17:00 e as 20:00 horas, celebrarase a tradicional Festa de Entroido no pavillón do IES Agra de Leborís con inchables, DJ infantil con coreografías e bailes, e reparto de larpeiradas para todos os nenos e nenas que acudan disfrazados.
Como espectáculos, o público poderá desfrutar de dúas propostas de maxia en directo, ambas na Casa da Cultura ás 17:30 horas. O luns 16 Dani García presentará a súa Gala de maxia Abraio, mentres que o mércores 18 será a quenda do show A maxia de Joshua Kenneth. En ambos casos a organización faise coa colaboración co programa Dinamiz-ARTj do Instituto Para la Transición Justa.
A programación complétase con obradoiros de máscaras de refugallo que se desenvolverán na Casa da Cultura o luns 16 e o mércores 18 pola mañá, dirixidos a distintos niveis de Educación Infantil e Primaria. Para participar nestes obradoiros será obrigatorio estar empadroado, e a inscrición (gratuíta) abrirase o 9 de febreiro ás 9:00 horas, tamén a través dun formulario en liña ou presencialmente na Casa da Cultura. Neste caso as prazas dispoñibles será outorgadas por orde de inscrición.
Con esta programación o Concello continúa apostando por un Entroido participativo, creativo e pensado para todos os públicos, no que o Concurso de Disfraces volve situarse como unha das citas máis agardadas.