O concurso do Entroido de Carballo superará os 9.200 euros en premios

3 minutes read

O domingo 11 de febreiro a partir das 18:00 horas terá lugar o concurso e desfile de comparsas, carrozas e disfraces. É a actividade máis emblemática do Entroido de Carballo, un dos desfiles de máis tradición da comarca e cunha maior dotación económica.

Nesta edición a contía dos premios do concurso é de 9.215 € dos cales, case 4.000 € están destinados a gratificacións por participar de 125 €, 200 € e 250 € (aos 20 primeiros inscritos nas modalidades de carrozas ou comparsas nas categorías de infantil ou adulto, dependendo do número de membros), xa que un dos obxectivos principais do concurso é incentivar a participación; e o restante aos 14 premios previstos  no concurso.

A inscrición poderá realizarse nas oficinas de Cultura do Pazo, no caso de comparsas e carrozas ata o 9 de febreiro e a no do resto das categorías ata 1 hora antes do mesmo día do desfile, 11 de febreiro, nese caso na Praza do Concello.

Neste momento hai inscritas as primeiras carrozas e comparsas nas categorías de adulto e infantil e en disfraces individuais.

As bases, fichas de inscrición e outra documentación precisa, estará dispoñible no sitio web do Concello de Carballo:  www.carballo.gal.

Co obxecto de velar pola seguridade de participantes e espectadores, o Concello quere facer fincapé na importancia de respectar as medidas de seguridade, en especial, na construción de carrozas. Todas estas indicacións figuran nas bases e nas fichas de inscricións para participar neste concurso.

Este ano a presentación do Concurso correrá da man da actriz e narradora Bea Campos, unha excelente comunicadora e monololguista galega que ten participado en numerosos festivais  de narración oral.

A continuación do desfile, celebrarase o xa tradicional Baile de Disfraces na Praza do Concello e no transcurso do mesmo, farase entrega dos premios do concurso. O baile será a cargo do Grupo Eureka e está patrocinado pola Concellaría de Terceira Idade.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?