O concurso escolar polo 30 aniversario de Íntegro xa ten gañadores

1 minutes read
  • Un total de tres clases do CPI As Revoltas de Cabana, o CEIP Labarta Pose de Baio (Zas) e o centro de primaria O Areal de Camariñas recibirán unha tablet como agasallo

O concurso escolar 30º aniversario Camiñando cara a inclusión, convocado pola asociación Íntegro dentro do programa de actividades conmemorativas deste 2022, xa ten finalistas. Desde o pasado mes de febreiro, máis de 20 centros de educación primaria da Costa da Morte participaron nesta iniciativa encamiñada a promover valores como a inclusión e a igualdade no ámbito educativo resultando ser «todo un éxito», sinalan desde a entidade con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños).

O xurado valorou criterios como a creatividade, orixinalidade e calidade dos traballos, ademais doutros valores engadidos como a mensaxe, a accesibilidade e a implicación máis alá da aula. Así, tras unha «longa e difícil deliberación», estes son os gañadores das diferentes categorías:

  • Debuxo (alumnado de 1º e 2º de EP): 1º de primaria do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños)
  • Poesía (alumnado 2º e 3º de EP): 4º primaria do CEIP Labarta Pose (Baio-Zas)
  • Narrativa (alumnado de 5º e 6º de EP): 6º de primaria do CEIP O Areal (Camariñas)

Entrega premios
As aulas gañadoras serán premiadas cunha tablet, un diploma acreditativo como agasallo colectivo e unha chapa conmemorativa do concurso para cada neno galardoado.

Desde Íntegro dan as grazas a toda a comunidade educativa pola súa participación e implicación nesta iniciativa que crea «novos espazos para a reflexión achegando á cativada conceptos tan importantes como a accesibilidade ou a disCapacidade».