O condutor do bus accidentado en Cerdedo-Cotobade declarará o 9 de novembro

1 minutes read

O condutor do bus accidentado na Noiteboa de 2022 en Cerdedo-Cotobade en que morreron sete persoas está citado a declarar o próximo 9 de novembro perante o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra. Está investigado por sete delitos de homicidio por imprudencia. Os informes periciais elaborados pola Garda Civil que se atopan en posesión das partes apuntan a un exceso de velocidade como causa do accidente, aínda que tamén, segundo fontes consultadas, sinalan as condicións meteorolóxicas daquela noite, na que toda Galicia estaba baixo a influencia dunha borrasca que deixou intensas precipitacións. A defensa do condutor sostén que as conclusións do informe da Garda Civil non determinan con exactitude que a velocidade foi o motivo polo que perdeu o control do autobús, xa que non se precisa a que velocidade pasou a curva previa á entrada na ponte onde se precipitou ao baleiro. Lembra que o tacógrafo non foi recuperado e que, por tanto, «é imposible» saber con «exactitude» a que velocidade ía un condutor «con ampla experiencia» e que «coñecía á perfección o trazado».