Malia caer ao mar, o condutor puido saír polos seus propios medios do interior do vehículo e achegarse a nado ata as proximidades do peirao de Laxe, onde foi auxiliado por particulares que puideron sacalo da auga. Foron eles os que chamaron ao 112 Galicia para informar da situación e solicitar unha ambulancia para o ferido. De acordo coa información facilitada por un dos alertadores, o turismo realizou unha manobra anómala antes de caer ao mar.
Nada máis ter constancia dos feitos, ás 09:15 horas da mañá deste mércores, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de Salvamento Marítimo, de Gardacostas de Galicia, dos Bombeiros de Bergantiños e dos membros do GES de Ponteceso.
Tamén foron informados os axentes da Policía Local e efectivos de Protección Civil de Laxe.
Finalmente, o condutor ferido foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña en ambulancia.