O Congreso aproba, por iniciativa do BNG, a intervención pública de Alcoa


O acordo foi posible por medio dunha transaccional alcanzada tanto co Partido Socialista como co Partido Popular, que contou co apoio doutras forzas da Cámara. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou que “a negativa da multinacional norteamericana para vender a planta a Liberty House só deixa unha vía para garantir a continuidade da actividade na comarca da Mariña e o mantemento da totalidade dos máis de 1.000 postos de traballo. E esa vía é a intervención pública”. Néstor Rego instou o Goberno español e ao Goberno galego a pórse de acordo  para actuar da forma máis inmediata posible para garantir que a intervención da planta de aluminio saia adiante para manter os postos de traballo e a actividade industrial na comarca da Mariña.