O Congreso autoriza prolongar o estado de alarma dúas semanas máis


Duelo e tensión no Congreso dos Deputados español nunha sesión na que se autorizou a prórroga do Estado de alarma (e con ela a corentena) ata o próximo 26 de abril e que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas da COVID-19. Tras sumar este xoves 683 mortos máis, o total de falecidos pola pandemia en España elévase a 15.238.

“España alcanzou o pico de máxima tensión desta emerxencia e desde hai uns días comezamos a oblear a curva de contaxios. Se o ascenso foi duro, non será menos duro o descenso, que encerra ademais perigos novos que imos ter que sortear entre todos”, afirmou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ante a cámara. Sánchez convocou a semana que vén aos partidos políticos para alcanzar uns novos pactos da Moncloa, un amplo acordo de reconstrución nacional.

Dáse por feito que haberá unha nova prórroga da corentena. Por vez primeira en moitas décadas, UNICEF enviou axuda humanitaria a España: test de detección, desinfectantes, máscaras e EPis, os equipos de protección para o persoal sanitario. Tamén mostrou a súa solidariedade cos traballadores dos hospitais o club de fútbol Vilarreal, que lles está ofrecendo comidas gratuítas a diario.