O Congreso Concellos 2030 converte a Carballo nun modelo de sustentabilidade


Carballo acolleu a presentación do Congreso Concellos 2030, unha iniciativa organizada polo Concello e Gestagua para ofrecer a todas as administracións comprometidas coa sustentabilidade un escenario común no que poder expoñer e compartir experiencias nos ámbitos do ciclo integral da auga, a xestión dos residuos, a eficiencia enerxética e, por suposto, a mobilidade sostible.

O Congreso Concellos 2030 celebrarase no Fórum Carballo os días 29 e 30 de setembro. A iniciativa conta coa colaboración de Urbaser e da Fegamp, dende a cal se está a canalizar o envío de información aos concellos. Porque o obxectivo é reunir a técnicos, expertos, universitarios e políticos de toda a comunidade autónoma. Dado que, por cuestións de aforo, as prazas son limitadas, a reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de admisión. O trámite debe realizarse a través da páxina web do congreso, https://concellos2030.gal/, onde está dispoñible toda a información sobre o evento.

Na presentación, que tivo lugar na casa do concello, participaron, entre outros, o alcalde, Evencio Ferrero, o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas; o xefe de servizo de Gestagua en Carballo, Benigno López, e o delegado de Gestagua en Galicia, José Rey.