O conselleiro de Educación comparte clase co alumnado do colexio de Centieiras, en Fene


Román Rodríguez participou nunha clase de Ciencias Sociais sobre as institucións públicas no colexio CEIP Plurilingüe de Centieiras, en Fene. No transcurso da sesión, tivo a oportunidade de transmitir aos estudantes o funcionamento da Administración autonómica galega desde o punto de vista da súa propia experiencia. En concreto, o titular de Educación explicou, entre outros aspectos, a contribución do Estado das Autonomías ao progreso de Galicia con ferramentas como o Estatuto de Galicia que nos últimos 40 anos facilitou o avance da Comunidade en numerosos eidos.
A sesión enmárcase na iniciativa impulsada pola mestra de 6ª de Primaria do centro, Esperanza Sánchez, para darlles a coñecer as principais institucións españolas (a Casa Real, o Congreso dos Deputados, o Senado, a Comunidade Autónoma e o Concello) aos máis pequenos, a través da voz dos seus propios representantes. Para iso, acadaron a participación das distintas institucións, entre elas, a propia Casa Real, que remitiu unha misiva ao centro felicitándoos pola actividade.