O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou as obras de reforma do Concello da Laracha

4 minutes read
  • O Goberno galego destinou unha achega de máis de 556.300 euros na orde do ano pasado a estas obras.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, estivo este martes na Laracha para, xunto ao alcalde, José Manuel López Varela, visitar as obras de rehabilitación integral da Casa do Concello e o acondicionamento do seu entorno. Tamén representou á Xunta de Galicia no encontro a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, nunha visita na que puideron comprobar o avanzado estado de execución do proxecto que está a transformar por completo tanto o principal edificio municipal como o seu entorno.

Ademais, na visita participaron concelleiros do grupo de goberno, técnicos municipais, a dirección facultativa da obra e representantes da empresa adxudicataria, Proyecon.

O proxecto conta cun investimento total de 1.935.271,22 euros, dos que 556.359,41 euros son achegados pola Xunta de Galicia a través da liña de axudas a proxectos municipais de carácter estratéxico do Fondo de Cooperación Local. Outros 700.000 euros serán financiados con fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.

O alcalde destacou a importancia dunha actuación que considera ‘moi necesaria’ para o municipio e agradeceu ao conselleiro o apoio da Xunta de Galicia, que permitiu completar o financiamento dun proxecto de especial dimensión para A Laracha. ‘Grazas polo compromiso e o apoio económico, que nos permite poder facer esta obra e, dentro de pouco, poñer este edificio á disposición da veciñanza da Laracha’, sinalou José Manuel López Varela.

Un edificio pensado para as persoas

Diego Calvo puxo en valor a transformación que está experimentando o inmoble, pero tamén o que non resulta visible a primeira vista, como os traballos realizados para garantir a seguridade estrutural. ‘O edificio non ten nada que ver coa Casa do Concello anterior, e iso salta á vista’, afirmou o conselleiro, que destacou tamén que a intervención permitirá ‘reagrupar servizos’ e mellorar as condicións de traballo do persoal municipal e de atención á cidadanía.

Precisamente, un dos principais obxectivos da actuación é facer da nova Casa do Concello un espazo moito máis cómodo e funcional para as persoas que acoden a realizar trámites ou recibir atención dos diferentes servizos municipais. A reorganización interior permitirá centralizar e distribuír os servizos por plantas, cunha planta baixa destinada fundamentalmente á atención ao público e ao xulgado de paz cunha circulación moito máis clara e accesible.

Rehabilitación necesaria tamén desde o punto de vista estrutural

Cristina Ezcurra, redactora do proxecto e directora de obra, explicou durante o percorrido que a intervención non responde unicamente á necesidade de modernizar as instalacións, senón tamén á situación que presentaba o edificio existente, construído na década dos anos 70. As calicatas realizadas durante a fase de análise permitiron comprobar o estado dos elementos estruturais e detectar que determinadas zonas non cumprían as condicións necesarias. Por este motivo foi preciso actuar sobre a estrutura, reforzando especialmente os piares centrais e adaptando as novas cargas do edificio para garantir a súa seguridade.

A rehabilitación incorpora, ademais, importantes melloras en materia de eficiencia enerxética. A nova envolvente térmica, os illamentos e revestimentos, a instalación de xeotermia e chan radiante a baixa temperatura, os sistemas de bomba de calor e os paneis fotovoltaicos permitirán reducir o consumo e mellorar notablemente o confort térmico do inmoble.

Transformación do entorno

A intervención vai máis aló do edificio municipal porque tamén abrangue o seu entorno exterior. Un dos elementos fundamentais é a creación dun itinerario peonil accesible que conectará a avenida Fisterra coa avenida de Caión, mellorando a mobilidade a pé e a accesibilidade neste punto central do municipio.

Tamén se actuará sobre a zona do parque infantil, onde será habilitada unha zona cuberta con asentos e novos espazos auxiliares, entre eles un aseo adaptado para uso público, un cambiador para bebés e zonas de almacenamento.

A actuación inclúe medidas destinadas a favorecer unha mobilidade máis sostible, coa instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos, nova parada para autobús e taxi e aparcadoiro para bicicletas.

Diego Calvo destacou precisamente este carácter global da intervención, que non se limita á renovación do edificio municipal: ‘É unha actuación integral, non só na Casa do Concello, senón tamén na praza e nos servizos’, concluíu o conselleiro, que puxo en valor que o proxecto teña repercusión tanto no funcionamento da Administración local como no conxunto do entorno.