O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que explicará no Parlamento de Galicia o Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 para o período 2020-2024 e sinalou “ter rexistrada a solicitude de comparecencia para explicar polo miúdo, na Comisión de Sanidade do Parlamento galego, as medidas deste Plan e para escoitar coa máxima receptividade todas as achegas que poidan facernos para mellorar a súa posta en marcha”.
O Plan recoñece a importancia dos servizos de saúde mental como parte fundamental das respostas gobernamentais contra a covid-19 e que deben ampliarse e financiarse axeitadamente. A Xunta de Galicia, que aprobou este plan en colaboración cos colectivos implicados, destina ao plan un orzamento de 83 millóns de euros e 241 profesionais. O obxectivo é previr a aparición de problemas de saúde mental na poboación galega e establecer melloras na asistencia sociosanitaria ás persoas que padecen un trastorno mental e aos seus familiares.
Para Comesaña, a situación actual coa pandemia da covid-19 “modificou radicalmente as nosas vidas, levándonos a un escenario que nunca teriamos pensado vivir” e neste senso salientou que temos ”unha oportunidade de que a asistencia á saúde mental saia reforzada desta crise, de facela máis inclusiva, de facela mellor”.
O conselleiro destacou así a importancia do Plan galego para minimizar o impacto da pandemia priorizando o desenvolvemento de programas asistenciais a través das novas tecnoloxías; o reforzo no número de profesionais nos dispositivos asistenciais do Sergas para desenvolver programas específicos de atención á depresión, trauma e dó; a promoción dos coidados domiciliarios e o apoio aos profesionais sanitarios de primeira liña de acción contra a covid-19.