Julio García Comesaña afirmou que está previsto que en marzo se entregue a obra, para logo xa estar pendente das distintas acometidas e probas necesarias para a súa posta en marcha, e dar así servizo ás máis de 35.000 persoas que se beneficiarán desta nova infraestrutura sanitaria.
O centro de saúde de Narón, cun investimento de adxudicación de 5.535.985 euros, incluíndo a unidade de radioloxía, sitúase nunha parcela de 6.142 m2, cedida polo Concello ó Sergas. A nova infraestrutura sanitaria terá unha superficie construída de 4.312 metros cadrados, o que supón un incremento de preto de 1.800 metros cadrados respecto do centro actual, infraestrutura que será cedida ao Concello para usos sociais.
Xunto co considerable incremento de espazos, o Sergas modificaba tamén o proxecto para ampliar a carteira de servizos deste centro con Radioloxía simple, aumentando así o beneficio para a poboación do Servizo de Atención Primaria de Narón no eido do diagnóstico por imaxe. Esta prestación engadíase respondendo á solicitude dos e das profesionais, e actívase en base ós criterios técnicos que determina esta tipo de servizo nos centros de saúde, como o número de poboación ou a frecuentación.