O conselleiro de Sanidade visitou o novo PAC de Cee

1 minutes read

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, realizou este xoves unha visita ao municipio de Cee, acompañado polo Xerente da Área Sanitaria, Luis Verde Remeseiro, e a que tamén asistiu o delegado da Xunta na provincia, Gonzalo Trenor. O conselleiro anunciou que “debido á situación na que nos atopamos e co fin de dar mellor resposta a unha situación extraordinaria, fíxose necesario a creación dun dobre circuíto no Servizo de Urxencias do Hospital Público de Cee e a reubicación do novo PAC no Centro de Saúde de Cee que acaba de comezar a funcionar”.

O Servizo de Urxencias do Hospital Público de Cee sitúase na planta baixa do edificio principal e contaba con dúas zonas diferenciadas, pero contiguas, correspondentes aos servizos de atención de urxencias extrahospitalarias (PAC) e ao servizo de urxencias hospitalarias (Hospital Público de Cee). A realización das obras e adaptacións pertinentes permitiron renovar a actividade ordinaria de maneira gradual e segura, tanto na área de urxencias como de consultas externas.

O novo PAC sitúase no edificio do Centro de Saúde con entrada e circuítos alternativos, permitindo o funcionamento independente do Centro de Saúde. O traslado das dependencias do PAC permitiu, nas urxencias do Hospital, a creación de circuítos diferenciados de urxencias COVID e o resto de urxencias, garantindo a seguridade asistencial.