O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou a Semana Gandeira de Mazaricos


O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou á Semana Gandeira de Mazaricos, na que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o alcalde da vila, Juan Blanco.

O conselleiro explicou que o obxectivo das axudas para a realización de certames de gando bovino selecto é o de apoiar a promoción e difusión dos certames desta especie criada en pureza en Galicia. Así, sinalou que se fomentará a celebración dunha rede de eventos a realizar en diferentes puntos da xeografía galega cunha periodicidade acorde á oferta de animais, incluíndo poxas e concursos oficiais como o de Mazaricos. González engadiu que os beneficiarios destas axudas poderán ser concellos galegos que organicen certames de gando selecto.

Nesta visita a Mazaricos, González recordou a posición de liderado deste concello coruñés no sector de vacún. Así, puxo en valor a existencia no territorio municipal dun censo de máis de 25.000 vacas, contabilizando tanto as de leite como as de carne. E lembrou que se trata do primeiro municipio de Galicia en produción de leite, con case 127 millóns de litros anuais, e que tamén é dos primeiros en número de explotacións leiteiras, con 177. Por último, o conselleiro referiuse ás parcelarias, destacando que en Mazaricos hai xa dez zonas de concentración rematadas e prevese entregar no 2023 os títulos de propiedade da de Santiago de Arcos. Con estes procesos rematados, concluíu, haberá máis de 6.400 hectáreas concentradas neste concello, beneficiando uns 4.700 propietarios.