O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución pola que se convoca o XIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas en Ourense os días 22 e 23 de setembro (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230711/AnuncioC3B0-050723-0002_gl.html). O día anterior reunirase a Comisión Delegada do Consello co obxectivo de pechar o período anterior.
O Consello de Comunidades Galegas é o órgano representativo dos galegos do exterior a través das entidades asentadas fóra de Galicia que teñen a condición de “comunidade galega” no Rexistro da Galeguidade.
Ao longo deste encontro realizaranse diversos relatorios que centrarán as xornadas de traballo. Os debates versarán sobre os eidos da galeguidade, a cultura, o ámbito social e o retorno.
Os Consellos de Comunidades Galegas desenvolvéronse ao longo do tempo en diferentes lugares, sempre en países onde hai comunidades galegas como Cuba, Arxentina e Uruguai, e por suposto, en Galicia.
Un centenar de representantes de entidades galegas espalladas por todo o mundo reuniranse para analizar a situación da colectividade galega do exterior e as súas necesidades, así como o papel da Xunta no apoio a estes centros para a promoción da cultura e lingua galega no mundo, nunha cita, que se celebra cada tres anos desde hai máis de tres décadas. Tamén se falará ao longo destes dous días da orientación futura das políticas de retorno que facilitan o regreso dos galegos do exterior a Galicia.