Presidida pola alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, o deputado de Turismo da Deputación da Coruña Xosé Regueira, e os alcaldes das localidades do territorio, desenvolveuse en Moeche a cuarta xuntanza do Consello de Dirección do xeoparque do Cabo Ortegal, onde se avanzou no plan de formación e sensibilización social e, de maneira especial, no programa de difusión en centros de ensino e implicación no ámbito do desenvolvemento local.
As primeiras liñas de traballo concretadas pasan por camiñar cara unha maior implicación social na iniciativa e sumar sinerxias para afortalar a candidatura. Tras o éxito das I Xornadas do proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal que tiveron lugar ao longo da pasada fin de semana, a xuntanza do Consello de Dirección que este ano preside a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, avanzou na elaboración no plan de formación e sensibilización local.
O consello de Dirección acordou integrar todas as actividades relacionadas co xeoparque para ir conformando un plan e un calendario integral de actuacións conxuntas. Neste eido o consello acordou manter, antes de que comece o curso escolar 2019-2020, unha reunión cos consellos escolares dos 7 concellos para ofertar a todos os centros educativos do territorio as mesmas actividades e obradoiros relacionados co xeoparque. E é que a educación e o fomento da educación sobre o proxecto nos máis pequenos, é outro dos eixos que debe desenvolver un xeoparque para construír un proxecto sustentable e que xere valor propio.