O Consello Executivo da Unesco valorará en breve a candidatura a Xeoparque do Cabo Ortegal

1 minutes read

O Consello Executivo da Unesco dará a coñecer a súa decisión previsiblemente a próxima primavera, polo que Cabo Ortegal se podería converter no segundo Xeoparque Mundial declarado en Galicia —o primeiro e único ata o momento é o Xeoparque Montañas do Courel—, a decisión daríalle un pulo importante a esta zona, contribuíndo á difusión dos seus valores naturais, paisaxísticos e culturais, ademais de ofrecer novas oportunidades desde o punto de vista económico e turístico para os seus máis de 28.000 veciños.

A declaración de Xeoparque Mundial engadiríase ao resto de distintivos de protección cos que xa conta Cabo Ortegal —catro zonas de especial conservación, dúas de especial protección de aves, dous humedais de importancia Ramsar e varios hábitats de interese comunitario— e suporía un “máis que merecido” recoñecemento internacional á singularidade deste territorio.

Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou este martes en Cariño xunto á directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, nun acto organizado polos promotores para escenificar o apoio institucional ao proxecto coincidindo coa visita que realizan estes días á zona os auditores enviados pola Unesco.