Do Concello solicitan máis puntos de luz, melloras viarias, a ampliación do centro social, a limpeza de fontes e a colocación ou reposición de sinais. E tamén pediron que dende a Administración local se xestionen as actuacións que dependen doutras institucións, como a mellora da seguridade na estrada provincial, a extensión da fibra óptica, o cambio de horario do transporte escolar ou a reapertura da escola que se usa agora como centro social.
A veciñanza de Vilela amosou tamén o seu malestar pola distribución dos recursos municipais, pois consideran que a súa é a parroquia menos beneficiada, mentres que noutras estanse a facer investimentos moi importantes. Aludiron en concreto ao reparto do superávit do ano 2018, que acada 1.300.000 euros e que se vai destinar integramente ás parroquias.
Nestes momentos a principal actuación en marcha, que o Consello Parroquial segue a considerar unha prioridade, é o proxecto para dispoñer dunha praza pública na contorna do pombal. Precisamente no pleno deste luns foi aprobada definitivamente a modificación urbanística que a fará posible.