O Conservatorio de Música de Carballo muda o acto de apertura do curso por sesións informativas

Apertura curso CMUS 2019

  • Serán por grupos e cun máximo de 45 persoas

O Conservatorio Profesional de Música (CMUS) de Carballo prepara un comezo de curso atípico debido á pandemia da Covid-19 e faino con varias medidas, como a redución da oferta de Iniciación Musical só ao 2º curso. Precisamente, unha vez realizadas as matrículas dos nenos que cursaron 1º o ano pasado, este luns 21 remata o prazo de preinscrición para as prazas vacantes.

Outro dos cambios obrigados pola situación sanitaria é a supresión do acto de presentación do curso, que tradicionalmente reunía no auditorio do Pazo da Cultura aos 200 alumnos do CMUS e ás súas familias. Debido á imposibilidade de manter ese formato, este ano celebraranse sesións informativas por grupos e cun máximo de 45 persoas. Consulta aquí o calendario.