O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo comezou o curso con 166 alumnos e alumnas

O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo empezou o curso este luns 8 de setembro. Este ano van estudar no centro municipal 166 alumnos e alumnas de varios concellos, xa que o CMUS é o centro de referencia na área que abrangue desde Arteixo ata Fisterra.

A concelleira de Educación, Mar Eirís, asistiu este luns á presentación do curso no Pazo da Cultura, sede do CMUS. O equipo directivo, que vén de reforzarse coa incorporación de Antonio García Castro como subdirector, informou ás familias sobre os aspectos máis relevantes do funcionamento do centro.

Á fronte do CMUS continúan Javier Bardanca Castro, como director; Daniel Novo Pena, secretario, e Isaura Rey Castro, xefa de estudos, que ademais forman parte do claustro, integrado por 16 profesores e profesoras, xa que, como anunciou Javier Bardanca, este ano houbo unha incorporación máis ao dividir as clases de viola e violín.

En canto ao alumnado, das 166 matrículas, 72 corresponden ao grao elemental e 66 ao profesional. As 28 restantes son dos nenos e nenas que van ter o seu primeiro contacto coa música nos grupos de iniciación, dirixidos a escolares de seis e sete anos, xa que as ensinanzas regradas non comezan ata os oito anos.

O equipo directivo tamén avanzou as primeiras citas co público dos músicos e músicas. Este curso debutarán coa Banda Municipal en Calo. En Carballo a primeira actuación será o concerto de profesores por Santa Icía, o 19 de novembro.

As familias que queiran estar ao tanto das novidades do CMUS poden seguir as súas redes sociais ou entrar en carballo.gal/cmus

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño