O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo convoca o IV Concurso de Solistas

1 minutes read

Este evento ofrece ao alumnado a posibilidade de amosar as súas habilidades interpretativas nun concerto en solitario no auditorio do Pazo da Cultura, que é o premio gordo.

Nesta edición, coma na anterior, haberá tres categorías (alumnado de grao elemental, alumnado de 1º a 3º de grao profesional e alumnado de 4º a 6º de grao profesional) e dous premios por categoría: os primeiros de cada categoría actuarán como solistas cunha das agrupacións do CMUS no curso 2025-26, ademais de recibir un cheque-regalo por valor de 100 euros para trocar nunha tenda de música, e os segundos recibirán un vale de 50 euros, patrocinado pola ANPA.

O obxectivo do concurso é incentivar a motivación e as habilidades interpretativas do alumnado. Poden participar estudantes de 2º, 3º e 4º cursos de grao elemental ou de calquera curso de grao profesional, agás os/as gañadores/as do primeiro premio da edición anterior. Os/as interesados/as poderán realizar a inscrición no despacho de dirección, situado no primeiro andar do Pazo da Cultura, os días 23 de febreiro e 2 de marzo, en horario de 17.00 a 19.00, e os días 25 de febreiro e 4 de marzo, de 11.00 a 13.00 horas.

O Concurso de Solistas consta de dúas fases: na primeira, que se celebrará o 17 de marzo, cada participante presentará o seu repertorio diante dun tribunal formado por profesorado do CMUS. Os/as estudantes que pasen ás finais actuarán o 23 de abril no auditorio do Pazo da Cultura. As audicións serán abertas ao público.

As bases ao detalle poden consultarse na web municipal.