A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, visitou este luns o local da rúa Subida á Costa no que se instalou a Asociación Évame-Oroza grazas ao concurso público levado a cabo polo organismo autónomo para reactivar o barrio histórico coa rehabilitación dunha vintena de locais para o seu alugueiro a emprendedores.
Durante a visita, a representante autonómica anunciou que este mércores levarase a cabo o sorteo das catro vivendas integrantes da promoción Real 13, impulsada polo Consorcio. O proceso lévase a cabo unha vez finalizado o prazo de presentación de alegacións á relación provisional publicada o pasado mes de xullo.
Segundo explicou, finalmente son 63 os candidatos admitidos do total de 71 persoas que presentaron a súa solicitude para acceder ás vivendas promovidas polo CCVV na rúa máis emblemática da zona histórica de Vigo. O sorteo para a adxudicación da orde de selección das candidaturas admitidas terá carácter público e levará a cabo na sede administrativa da Xunta de Galicia en Vigo (10:00 horas).