O cónsul de Uruguai, Ramiro Rodríguez Bausero, de visita oficial por Carballo

1 minutes read
  • Durante a súa visita mantivo unha xuntanza co alcalde e varios concelleiros

Este venres pola tarde o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, mantivo unha xuntanza co novo cónsul xeral de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero. Na súa primeira visita oficial ao concello, e tras tomar posesión do cargo no pasado mes de marzo, o político tamén aproveitou para conversar cos concelleiros Milagros Lantes, Maruxa Suárez e Iván Andrade sobre a actualidade, a pandemia da Covid-19 e a súa repercusión na economía.

Nun ton máis distendido charlaron tamén sobre a histórica vinculación entre Carballo e Uruguai, onde na actualidade hai arredor de 1.700 carballeses con dereito a voto, e o «nivel de relación y la familiaridad» entre uruguaios e galegos, «algo que no pasa en otros lugares de España».

O cónsul, que aludiu a esa estreita relación na mensaxe que deixou no Libro de Honra do Concello de Carballo, convidou ao alcalde a volver a visitar Uruguai e agasallouno cunha fotografía histórica do Cabildo de Montevideo. Ferrero, pola súa parte, entregoulle varios libros sobre Carballo e a Costa da Morte.