O coronavirus obriga a retrasar o Interplay de Carballo ata o mes de novembro

1 minutes read
  • O Concello de Carballo decidirá, en función da evolución da situación, as medidas que adoptará con respecto ás actividades municipais

A crise sanitaria provocada polo COVID-19 obrigou ao Concello de Carballo a adiar para o mes de novembro o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que estaba previsto para os días 2, 3 e 4 de abril. Segundo fontes oficiais, o evento enmarcaríase para a segunda quincena.

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo adoptou a decisión “por responsabilidade” e para “evitar o risco de contaxio”, tal como indicou o concelleiro Xosé Regueira, debido ao carácter internacional do evento, que ademais contaba con Portugal como país convidado.

De feito, estaba prevista a participación de cadeas e plataformas lusas como RTP Lab ou Canal 180, ademais de Playz (RTVE), Flooxer (Atresmedia), Globomedia (Mediapro) ou TVG, e de numerosas produtoras do país veciño no Día PRO.

Actividades municipais en risco En principio quedan en suspenso ata o verán todos os eventos programados pola área de Turismo nos que, pola súa afluencia, se considere que podería existir risco de contaxio, aínda que o Concello de Carballo decidirá, en función da evolución da situación e das recomendacións das autoridades sanitarias, as medidas a adoptar con respecto ás actividades programadas dende os distintos departamentos municipais.