O Centro de Coordinación Central de Defensa Contra Incendios Forestais recibiu hoxe a visita do coronel xefe do Aeródromo Militar de Santiago, Pedro Díaz, quen coñeceu o labor da estrutura da man do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez. Trátase do posto de mando central dende o cal se dirixen e coordinan as accións de defensa contra os lumes para todo o territorio galego. Desde este centro pódense despregar de xeito óptimo as novas fontes de información provenientes das cámaras da Rede de Vixilancia de Espazos Forestais e do vídeo en tempo real das aeronaves e bases aéreas, así como a ampliación e mellora de información de observación e predición meteorolóxica, entre outras utilidades. A Rede de videovixilancia forestal contará este ano cun total de 148 cámaras en 74 localizacións. Estas cámaras, contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal, con zoom remoto, movemento horizontal e vertical, rotación nos 360º automática e baixo demanda, visión panorámica e altas capacidades de gravación, podendo incluso identificar o número das matrículas dos automóbiles que estean circulando polo monte.
18