O COVID-19 paraliza o deporte mundial

1 minutes read

O 20 de xaneiro quedaba suspendido o Campionato do Mundo de Atletismo en pista cuberta que tiña que disputarse en Nanjing. Case de inmediato foi anulada a Copa do Mundo de esquí que tiña o quince e o dezaseis de febreiro como datas de celebración.

O andazo de cancelacións comezou a acelerar a súa progresión coa suspensión dos grandes premios de Qatar e de Tailandia de MotoGP o día trinta, cando xa se sumaban 170 mortos. O doce de febreiro caía aprazado o Gran Premio da China de Fórmula 1 e no Golfo Pérsico Bahrein anunciaba a disputa da súa proba automovilística a porta pechada o 22 de marzo.


O Tour dos Emiratos Árabes foi suspendido o 27 de febreiro, ese mesmo día a organización do Masters 1000 de Indian Wells anunciaba a cancelación do torneo de tenis estadounidense para evitar os contaxios con COVID-19.

O mércores nove de marzo Italia anuncia o fecho para todos os eventos deportivos, mesmo a Serie A. O Calcio blindábase ata o 3 de abril, como mínimo, no país que está a padecer o foco máis activo da pandemia logo da China. Quedaba por saber como reaccionaban as grandes ligas e os torneos de elite. Despois de non poucas erráticas decisións como partidos a porta pechada e celebracións fóra do estadio, suspéndese a Europa League e a Champions. Unha toma de decisión que afecta xa a todos os deportes. E as Olimpiadas, malia o encendido xa do facho, perigan máis ca nunca.