O Concello de Carballo, coa colaboración da Deputación da Coruña, segue apostando polo Carballo Coworking, un espazo de traballo compartido para impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de empresas vinculadas, preferentemente, aos ámbitos da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, sector audiovisual, turismo ou investigación e iniciativas que formen parte da economía social. Á marxe do convenio de colaboración, a Concellaría de Promoción Económica está a impulsar o proxecto con novas accións que permitan seguir apoiando o emprendemento no concello carballés e tamén na Costa da Morte.
Na actualidade, no Carballo Coworking estanse a desenvolver 12 iniciativas empresariais nas que traballan 16 coworkers procedentes de concellos da Costa da Morte como Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso e, na súa maior parte, Carballo. Agora mesmo aínda hai 5 postos dispoñibles para poñer en marcha a túa idea de negocio ou dar os primeiros pasos como autónomo. Infórmate en coworkingcarballo.gal ou chamando aos teléfonos 661 064 895 / 881 983 520.