O coworking da Capela entra en funcionamento para “crear emprego e fixar a poboación no rural”


O presidente provincial visitou o centro pertencente á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación que acaba de abrir as súas portas e conta xa con trece proxectos empresariais aloxados nas súas instalacións. Valentín González Formoso sinalou que con este espazo “buscamos ofrecer novas oportunidades á mocidade e reactivar a economía e o emprego no rural para evitar o despoboamento a través da creación de novos postos de traballo”. As instalacións sitas no primeiro andar do antigo centro de saúde das Neves contan cunha superficie de preto de 180 metros cadrados e capacidade para acoller ata once persoas emprendedoras. A Deputación e o Concello da Capela sumaron forzas para acondicionar este espazo a través de actuacións de renovación que contaron cun investimento de 75.000 euros, dos que o 80% (60.000 euros) foron achegados polo ente provincial. A zona de traballo divídese en 3 oficinas modulares con mesas, cadeiras, armarios, enchufes e tomas de conexión de banda ancha, ademais dun espazo de traballo conxunto con 8 postos e unha ampla sala de reunións.